9 dic 2012

BILL GATES



    O pasado mes de Febreiro, o creador de Microsoft, Bill Gates, estivo de paso en Madrid por unhas horas. O principal motivo da súa viaxe foi unha reunión con Mariano Rajoy, con quen compartiu historias das persoas que coñeceu nas súas viaxes a países en vías de desenvolvemento tales como Tanzania, Ruanda ou Sudáfrica.
     A fundación que preside xunto á súa muller, Melinda, e que xestiona toda a súa fortuna converteuse nun referente da loita contra algún dos maiores problemas que sofren os países pobres. Conta cun orzamento fabuloso: o seu investimento anual en programas de saúde duplica o orzamento total da OMS (Organización Mundial da Saúde), e en 2010 distribuíu 2600 millóns de dólares en becas de investigación e cooperación.

     Na súa entrevista co Pre-sidente do Goberno español, Gates dialogou sobre o seu traballo e os temas que lle obsesionan: a SAÚDE, o DESENVOLVEMENTO e a EDUCACIÓN.     
A información actualizada que proporcionou en relación coa redución de mortes por malaria, as innovacións na agricultura e mellóraa na saúde global, non debe afastarnos da horrible realidade que supón a existencia de mil millóns de persoas no mundo que sobreviven en condicións infrahumanas.
      Neste sentido instó a Mariano Rajoy a manter o orzamento de cooperación e concentralo nos países máis pobres. A cooperación internacional, na medida do posible dada a innegable crise económica mundial, permitiría aumentar as taxas de vacunación fronte á poliomielite e o sarampelo, manter o investimento en técnicas de investigación para o desenvolvemento dunha vacuna contra a sida, a malaria e a tuberculose, abordar asuntos como a educación das nais para que alimenten aos seus fillos con lactancia materna, mellorar a nutrición infantil (en África a maioría dos nenos sofren algunha carencia nutricional que lles impide desenvolver o seu potencial).
     Este matemático ao que lle gustaban os ordenadores e ao que sempre fascinaron a física, a química e a bioloxía, quere cambiar o mundo, e, en saúde internacional, a Fundación que leva o seu nome, está marcando época.

Javier Vilasánchez Vilar  2ºD - ESO